Agora que o curso escolar xa remata, cómpre facer balance dos espazos formativos que foron creados na Rede de Eco Hortas Escolares para a capacitación e o intercambio de experiencias por parte do profesorado participante no proxecto. Ademais do curso de iniciación á horta ecolóxica que celebramos no primeiro trimestre, levamos a cabo dous obradoiros para introducir o enfoque de Cidadanía Global nos proxectos de hortas escolares.
O obxectivo destes dous obradoiros foi reflexionar sobre as características deste enfoque de traballo que busca introducir nas aulas a reflexión sobre as relacións e impactos globais das nosas formas de vida e consumo e como estas afectan especialmente aos países empobrecidos, co obxectivo final de xenerar cidadanía crítica, consciente e solidaria. Todo elo dando a coñecer os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible 2030 e poñendo o foco nas temáticas alimentarias que se poden traballar a partir dos proxectos de hortas escolares.
A partir destes obxectivos, organizamos pois dúas sesións de traballo. A primeira delas tivo lugar o 14 de marzo e consistiu nunha sesión introdutoria na que as participantes reflexionaron de forma colectiva as características da educación transformadora e da Educación para a Cidadanía Global. A través de dinámicas e xogos que logo poderían aplicar na clase, traballamos sobre diferentes impactos ambientais e sociais do actual sistema alimentario como os alimentos viaxeiros, a deforestación ou o esgotamento de recursos da agricultura industrial, especialmente nos países do Sur, así como alternativas existentes como o comercio xusto e a alimentación de proximidade.
No terceiro trimestre, o 23 de maio, fixemos a segunda sesión, que consistiu nunha xornada de intercambio de experiencias de traballo que os centros escolares levaran a cabo durante o curso na aplicación desta metodoloxía. En concreto, expuxeron a súa experiencia o CEIP Josefa Alonso e de Alonso, e o CEIP FRIAN de Teis.
No primeiro caso, compartiron na Rede o seu traballo de educación ambiental que se iniciou no centro coa concienciación espertada a partir da vaga de lumes de outubro de 2017, e que xerou na escola unha necesidade de acción na proteción da súa contorna máis próxima pero que se completou posteriormente coa posta en marcha da horta escolar, e con actividades de aula acerca de temáticas ambientais e alimentarias que afectan a outras zonas do planeta e que están íntimamente vinculadas ao noso modo de vida. Un exemplo de como se pode vertebrar un proxecto de Educación para a Cidadanía Global a partir dunha situación ou problemática local, á que había que dar resposta inmediata e que foi complementándose cunha visión máis ampla.
Pola súa banda, o CEIP FRIAN de Teis, achegounos o seu traballo sobre a Axenda 2030 das Nacións Unidas para o Desenvolvemento Sostible. Así, a responsable de horta do centro, combinou durante todo o curso escolar as actividades de cultivo realizadas na horta escolar, con actividades de reflexión global, relacionadas sobre todo coas temáticas de xénero e alimentación responsable (ODS 5, ODS 12 ou ODS 15). Deste xeito, amosounos como a capacitación e integración deste enfoque por parte do profesorado pode aplicarse transversalmente ao traballo de aula, e sacar así toda a potencialidade ao recurso educativo que proporciona a horta escolar.
Ademais da exposición de experiencias, achegamos novos recursos educativos e dinámicas que axudarán nos próximos cursos a introducir nos centros escolares participantes a reflexión sobre o actual sistema alimentario e como podemos mudar cara unha alimentación máis respectousa co medio natural, que poña no centro o coidado das persoas e que promova relacións de xustiza e igualdade.