Obradoiro coas familias voluntarias na cooperativa Árbore

A Rede de Eco Hortas segue a promover espazos de intercambio, reflexión e aprendizaxe coas diferentes persoas e colectivos que participan nas hortas escolares dos centros participantes.

En concreto, este martes 5 de maio, catro familias voluntarias da EEI Monte da Guía participaron dunha tarde de aprendizaxes e desfrute en familia.

Primeiramente tivo lugar un obradoiro de xérmolos de chía, impartido por Flor, asesora de horta dalgúns dos centros da Rede.

A continuación compartiron un resumo das actividades realizadas ata agora no seu grupo de familias voluntarias, así como un listado das tarefas que quedan por facer.

As familias contribuíron ata agora dando apoio na horta en tarefas como titorización de fabas, recollida de materia seca para o composteiro, aportación de garrafas para protexer as leitugas de inverno e de vasos de iogur para facer sementeiras ou creación dun banco de sementes con sementes das familias.

En canto ás actividades que se poderían levar a cabo ata final de curso, destacaron a recopilación de receitas para aproveitar a próxima colleita e liberar espazo nos bancais, a realización de actividades de cociña coa axuda de robots de cociña levados polas familias, e organización dalgún xantar de celebración.

Tamén se destacou que se podería aproveitar o grupo de whatsapp para compartir tanto receitas saudables como consellos de alimentación relacionados con alimentos da horta.

De cara ao curso que vén, destacaron a necesidade de incorporar a máis familias a grupo e propuxeron plantar máis flores comestibles na horta.

A xornada celebrouse na cooperativa de consumo consciente Árbore, un proxecto de case 25 anos de traxectoria en Vigo. Ademais de coñecer os valores e funcionamento desteproxecto, as participantes puideron desfrutar dunha exquisita merenda con alimentos ecolóxicos (moitos deles de proximidade). De seguro voltaremos a este espazo tan acolledor e necesario.