A Rede

Esta Rede de traballo, dirixida á comunidade educativa, nace da experiencia previa da asociación Amigas da Terra en proxectos educativos no eido do consumo responsable e a agroecoloxía, levados a cabo en colaboración con outras entidades como Oxfam-Intermón, Universidade de Vigo ou con proxectos como a Campaña Impórtanos.

A través de diversos proxectos desenvoltos ao longo dos últimos anos, fíxose posible a creación das hortas escolares da EEI Vilalaura, EEI Monte da Guía e CEIP Frián-Teis.

Este labor continuou coa posterior sistematización da horta da EEI Monte da Guía, que se completou coa difusión da mesma e a recollida das necesidades identificadas polos centros escolares vigueses.

Este traballo de sistematización identificou elementos clave e potencialidades da horta escolar, definíndoa finalmente como un recurso educativo de gran valor. Un lugar de traballo, investigación e participación que permite o achegamento á agricultura ecolóxica, local e de tempada cun enfoque global, integrando outras temáticas ambientais e permitindo tamén traballar outros ámbitos como a nutrición e a saúde, o coñecemento, e coidado do medio ou as habilidades persoais e sociais.

Ademais, identificáronse claramente algúns dos problemas ou limitacións que se atopan os centros escolares para a posta en marcha e continuidade destas iniciativas. Principalmente, o descoñecemento doutras experiencias de éxito, a necesidade de apoio técnico (polo menos no inicio do proxecto), ou a ausencia de ferramentas e habilidades específicas por parte do profesorado (o que condiciona moitas veces o éxito ou a continuidade das propostas).

A partir desta diagnose, Amigas da Terra aposta pola creación da Rede de Hortas Escolares como a mellor alternativa para dar resposta conxunta a estas problemáticas, promovendo a apropiación por parte dos centros e facilitando o intercambio de aprendizaxes e o traballo cooperativo.

Cabe sinalar que esta rede desenvolverase nun primeiro momento, como experiencia piloto, entre os centros educativos de Vigo; xa que son os centros cos que se ten experiencia previa de traballo conxunto, e conforman o grupo de traballo ideal para poñer en marcha unha rede ampliable a outras zonas xeográficas de Galicia en fases posteriores .

Partindo desta situación, e co financiamento da Xunta de Galicia, no curso escolar 2018-2019 créase a Rede de Eco Hortas Escolares, proporcionando e promovendo os seguintes recursos e espazos educativos:

  • Un espazo de intercambio de información, recursos, motivacións e experiencias.
  • Formación inicial para o profesorado da Rede en cultivo ecolóxico.
  • Apoio técnico e asesoramento para o desenvolvemento da horta ao longo de
    todo o curso escolar.

Co financiamento de:

Xunta de Galicia - Cooperación galega

Promove:

Amigos da Terra