A Rede de Eco Hortas Escolares é un espazo de intercambio de coñecementos e experiencias dirixido a calquera centro educativo galego que teña en marcha ou queira iniciar una horta ecolóxica nas súas instalacións.
A Rede está formada por proxectos de Eco Hortas que foron ou están sendo desenvolvidas co apoio técnico, formación e supervisión de Amigas da Terra.
Dado que este apoio técnico precisa dunha partida orzamentaria, é unha oferta anual limitada.
Coa finalidade de acoller outros proxectos cos que poder compartir experiencias, coñecementos e darlles visibilidade, nacen as Eco Hortas Amigas da Rede. Inclúense aquí iniciativas de hortas ecolóxicas existentes, ou con intención de levarse a cabo, en centros educativos de Galicia que, sen ter acceso neste momento ao plan de formación e asesoramento persoal da Rede, teñen interese en empregar este espazo de aprendizaxe e intercambio de experiencias.
Se pertences á comunidade educativa dalgún centro escolar galego con proxecto de horta ou interese en desenvolvela, podes contactarnos para coñecer posibilidades de integración na Rede, valorar outras formas de colaboración, ou para estar en contacto e intercambiar recursos e aprendizaxes en torno ás hortas escolares.