Que ofrece a Rede de Eco Hortas Escolares?
- O apoio técnico necesario aos centros educativos para desenvolver a horta escolar co alumnado participante. Estes momentos coincidirán preferiblemente coa posta en marcha e coa recollida da horta de outono-inverno, e coa posta en marcha e a recollida da horta de primavera-verán.
- Formacións básicas e talleres sobre cultivo ecolóxico (planificación e deseño da horta, asociación e rotación de cultivos, calendario de plantación, etc) para docentes e/ou familias.
- Outras formacións sobre ODS e Axenda 2030 aplicada á horta escolar.
- Recursos educativos sobre agroecoloxía e soberanía alimentaria: actividades didácticas para desenvolver na aula sobre estas dúas temáticas, e con enfoque de cidadanía global, adaptadas ao nivel de Ed. Primaria, elaboradas por Amigas da Terra.
- Fichas de actividades exitosas asociadas á horta escolar elaboradas polo propio profesorado dos centros da Rede.
- Un espazo web para intercambiar experiencias, recursos e aprendizaxes.
Como funciona?
- Antes de iniciar as actuacións nos centros escolares participantes, establécense varias reunións e visitas para valorar as posibilidades de traballo segundo o espazo dispoñible para a horta, o profesorado interesado e os grupo de alumnos/as cos que se podería traballar nas actividades para as que se presta acompañamento técnico.
- Se o centro educativo se integra na Rede, o centro educativo asina un acordo de colaboración con Amigas da Terra onde se recollen as principais responsabilidades de cada unha das partes, os mecanismos de coordinación, así como os espazos de traballo conxunto.
- Importante! A oferta de actividades e as modalidades de apoio técnico que podemos ofrecer dependen en gran medida do financiamento dispoñible para o proxecto, polo que poden variar dun ano para outro. Cada curso escolar informaremos do programa de actividades dispoñibles e os requisitos de acceso.
Se cres que o teu centro podería integrarse na Rede ou queres saber máis, contáctanos.
Eco Hortas Amigas da Rede
Coa finalidade de acoller outros proxectos cos que poder compartir experiencias, coñecementos e darlles visibilidade, nacen as Eco Hortas Amigas da Rede.
Inclúense aquí iniciativas de hortas ecolóxicas existentes, ou con intención de levarse a cabo, en centros educativos de Galicia que, sen ter acceso neste momento ao plan de formación e asesoramento persoal da Rede, teñen interese en empregar este espazo de aprendizaxe e intercambio de experiencias.
Que se ofrece ás Eco Hortas Amigas da Rede?
- Visibilidade do proxecto de horta do centro na web da Rede e acceso á información e recursos compartidos.
- Acceso a recursos didácticos sobre cultivo ecolóxico e/ou actividades complementarias na aula, adaptadas a diferentes niveis educativos.
- Prioridade de acceso ao programa de formación e apoio técnico.
Como funcionan?
Se o teu centro non cumpre de momento os requisitos para integrarse na Rede de Eco Hortas Escolares ou non hai partida orzamentaria suficiente, podes participar formando parte do proxecto como Eco Horta Amiga da Rede.
Contáctanos e enviarémosche un formulario para poder coñecer e valorar os datos básicos do voso proxecto (quen sodes, como e cando naceu a vosa horta ou como a traballades).