Alumnado da Rede convírtese en persoal científico

Durante este curso 2025-2026, dende a Rede levamos a cabo unha nova proposta educativa en colaboración coa Misión Biolóxica de Galicia-CSIC.

6 centros de Vigo, Redondela, Lugo, A Coruña, Camariñas e Burela realizaron un ensaio de investigación con sementes, onde alumnas e alumnos se chegaron á investigación científica cultivando 2 especies de brásicas (repolo e nabicol), tanto con sementes comerciais como con sementes locais.

No primeiro trimestre leváronse a cabo as fases de sementeira e transplante dos cultivos en todos os centros. O equipo investigador que liderou o ensaio visitou a cada un dos centros para explicar o desenvolvemento do proxecto, achegar as distintas fichas de recollida de datos e realizar a sementeira co alumnado participante.

No segundo e terceiro trimestre, o alumnado encargouse de realizar e rexistar as medicións (como crecemento, resistencia a pragas, morfoloxía, etc.). O outono e inverno tan húmido en Galicia dificultou a tarefa, xa que nalgúns centros morreron as prantas na primeira sementeira. Pero isto non parou aos nosos/as investigadores/as, que fixeron unha segunda sementeira para poder observar todo o proceso completo.

No mes de xuño, realizamos encontros virtuais para poñer en común os resultados, obtendo as seguintes conclusións:

Xerminación: No caso do nabicol, as sementes comerciais tiveron unha taxa moi baixa de xerminación. Isto pode deberse a que non estivesen ben conservadas. A conservación debe ser sempre en lugares frescos, con pouca humidade e baixa exposición solar.

Crecemento: no caso do repolo, as plantas nacidas de sementes locais, creceron máis que as de sementes comerciais. No caso do nabicol non se puido facer a comparativa.

Fauna observada nos cultivos: os animais que máis se observaron foron arañas, lesmas, caracois e abellas/abellóns. Como ben sinalou o alumnado, estes últimos son beneficiosos para as plantas, favorecendo a polinización. No caso das lesmas, foron responsables do 25% de danos observados nas plantas, aínda que nun dos centros comeron todo o cultivo. Isto fixo pensar ao alumnado en motivos polo que nuns centros houbo tantas interaccións e noutros non. A ubicación da horta, as condicións climáticas ou a presenza doutros cultivos próximos poden ser uns dos elementos a analizar para investigar cales son as causas que favorecen a presenza destes animais nas hortas.

Tanto alumnado como profesorado indicaron que foi un proxecto divertido e de moita aprendizaxe e quedaron con ganas de repetir no próximo curso. Grazas aos centros participantes pola súa implicación e á Misión Biolóxica por facelo posible. Agardamos seguir cultivando a vocación científica na nosa Rede.