Formación para docentes en horta escolar ecolóxica

O pasado 19 de novembro iniciamos unha nova edición do curso “Horta Escolar Ecolóxica” 25-26, enmarcado no Plan Proxecta da Rede.

A primeira sesión, achegou ás persoas participantes aos principios da agricultura ecolóxica, aos diferentes tipoloxías de hortas escolares e ás claves para o deseño e planificación da horta.

O IES Arzobispo Xelmírez, en Santiago de Compostela acolleu a 20 participantes, docentes de Primaria, Secundaria, Educación Especial ou FP de todo o territorio galego.

A formación foi impartida por Flor Medina, asesora de horta da Rede. A xornada comezou cunha primeira parte teórica de achegamento á agroecoloxía escolar. A continuación, o alumnado puido facer unha práctica de plantación de cultivos de outono-inverno na horta do IES. En concreto, plantaron cebola, porro, leituga, espinaca, coliflor, brecol, repolo e lombarda. Ademais, completaron as plantación con plantas ornamentais e aromáticas como lavanda, xeranio e capuchina.

Logo, no invernadoiro, fixeron sementeiras de caléndula e outras flores que logo se transplantarán na horta.

Para rematar a sesión, levaron a cabo un traballo en grupos para practicar a planificación de cultivos de outono-inverno partindo do espazo de horta dalgún dos centros participantes. Un caso práctico que axudou a fixar principios clave da agroecoloxía escolar como a asociación e a rotación de cultivos.

A formación, que se desenvolverá ata maio de 2026, continuará nos vindeiros meses con outras sesións que combinarán a formación hortícola con formación en metodoloxías e ferramentas para o traballo curricular.