O profesorado da Rede fórmase en cultivo ecolóxico e Educación para o Desenvolvemento

A Rede de Eco hortas Escolares en Galicia, conformada por oito centros de Educación Infantil e Primaria de Vigo, continúa as súas actuacións educativas. Despois da creación da Rede, no primeiro trimestre do curso, levamos a cabo varias actividades formativas co persoal docente.

Así, entre novembro e decembro do ano pasado, tivo lugar unha formación inicial en agricultura ecolóxica. A través dun curso de 12 horas de duración, o profesorado da Rede achegouse aos principios básicos do cultivo ecolóxico ou a compostaxe, e achegouse a ferramentas concretas que lle axudarán na planificación da horta nos próximos cursos. Tamén tiveron tempo de coñecer e intercambiar experiencias de actividades educativas realizadas en torno á horta, dentro e fóra das aulas.

A formación continuo no mes de marzo cun obradoiro de Educación para o Desenvolvemento, que lles achegou á visión global do sistema alimentario. A través de xogos e dinámicas que logo poderán trasladar ás aulas, as profesoras reflexionaron sobre problemáticas como os Alimentos Quilométricos, os impactos da agricultura industrial ou as desigualdades e consecuencias ambientais e sociais do noso actual modo de produción e consumo de alimentos.

No proximo mes de maio rematarán as actividades formativas cun novo obradoiro de intercambio de experiencias sobre as actividades educativas postas en práctica nos centros para achegar ao alumnado esta mirada global sobre o noso modelo alimentario.

A Rede está integrada por oito centros, que ademais de participar nas formacións, están recibindo visitas de apoio técnico para traballar a horta co alumnado.