Na EEI Vila Laura, levan traballando o proxecto de horta escolar de xeito ininterrompido dende 2015. Traballan co alumnado de 5 anos (100 nenos e nenas en total), cos que realizan moitas actividades educativas ao redor da horta escolar.
O primeiro trimestre deste curso escolar comezárono recollendo e degustando os cultivos dos meses anteriores: pementos, tomates, patacas, remolachas e cebolas. Tamén plantaron os cultivos de outono-inverno deste ano (allos e cenouras), e construíron un vermicomposteiro.
Ademais, traballaron en clase as ferramentas da horta, as fases da lúa e a súa relación co crecemento das plantas, o refraneiro da horta, e contos e cancións infantís sobre a alimentación e o coidado da natureza.