Familias implicadas nas hortas escolares

Neste primeiro trimestre iniciamos o apoio aos 3 centros da Rede que incorporan ás familias na xestión da horta.

Ao igual que en anteriores cursos organizamos unha primeira xuntanza para planificar os obxectivos e metas deste curso en cada centro para mellorar as súas hortas e favorecer a participación da comunidade educativa.

Na EEI Monte da Guía (Vigo) nunha xuntanza coas familias e unha das docentes que participan da horta, identificamos as tarefas prioritarias para este curso. As principais ideas foron facer actividades de cociña en horario lectivo coas familias, facer un libro de receitas na aula, continuar co banco de sementes iniciado no curso pasado e plantar máis flores comestibles na horta. Aparte diso, tamén se priorizou a incorporación de máis familias no grupo a través dalgunha actividade chamativa na horta e a posibilidade de organizar talleres propostos polas familias en horario lectivo.

No caso do Gándara International School (Gondomar) e a EEI Vilalaura (Vigo) as familias están integradas nun equipo de coordinación máis amplo, que inclúe a docentes e persoal do equipo directivo.

No Gándara marcáronse catro actividades principais. Dunha banda, a mellora do espazo da horta, a través da reorganización da caseta e a revisión do sistema de rego para o verán. Doutra, a compostaxe. Neste caso intentarase implicar ao alumnado no sistema de recollida de materia orgánica para compostar na escola.

En terceiro lugar, marcouse o obxectivo de aprender a extraer e conservar as sementes da horta, comprometendo ao alumnado na calendarización de cada tipo de sementes e na creación dun banco de sementes no centro.

Por último, en canto ao traballo de aula, intentarase elaborar más materiais pedagóxicos relacionados coa horta para que os nenos e nenas traballen de maneira autónoma.

Na EEI Vilalaura os esforzos centraranse en ampliar os espazos de horta e mellorar a participación das familias. No primeiro ámbito, valorarase habilitar novos espazos para cultivos en zonas do patio que agora están en desuso e que teñen potencial para albergar plantacións diversas. Ademais, continuarase a xestión iniciada no curso pasado para conseguir a cesión dun espazo por parte do Concello a carón do centro.

En canto á participación das familias, faranse chamados para convidalas á construcción dos novos espazos verdes dentro do centro, de xeito que poidan colaborar na realización de macetas, xardineiras, limpeza e acondicionamento do espazo, etc.

Agardamos que esta planificación motive aos grupos a seguir participando e a construír as hortas coas que soñan.