Presentación da horta
A nosa horta é aínda un proxecto en construción. Iniciouse no ano 2018, pero non foi ata o curso 2020/2021 que colleu impulso, grazas ao apoio e estímulo de novas incorporacións de persoal ao centro, e a unha maior participación das familias nas tarefas máis duras.
A forma na que está deseñada é a dun gran sol. Actualmente está formado por oito bancais rectangulares (os raios) nos que se plantan verduras grandes, chícharos, cebolas, patacas… Despois, colócanse entre eles outros tantos bancais máis pequenos (con plantas aromáticas), e un redondo no centro (con flores.)
Tamén hai un composteiro, e o seu uso compleméntase con outros abonos orgánicos.
A horta forma parte das actividades que se propoñen ao alumnado, e ocupa un lugar complementario e optativo no currículo do centro.
- Como se organiza o centro educativo para o uso da horta?
O grupo de infantil ten unha relación moi espontánea coa horta; non existe unha organización previa, simplemente están alí cando lles apetece (tamén son o grupo que máis preto a teñen). No grupo de Ciclo 1 de Primaria non tod@s teñen interese nela e participa só unha parte. Está a estudarse facer un grupo estable co alumnado interesado e traballalo como un proxecto. E o alumnado de Ciclo 2 de Primaria aínda non quixeron facer nada, a pesar de que se lles ofreceu como actividade.
Existe tamén un grupo de familias voluntarias, que se organizan nun grupo de Whatsapp para traballar e repartirse as tarefas segundo as súas dispoñibilidade, en grupos de 2 persoas máximo. Ademais da coordinación de varios profesores/as acompañantes, que organizan as tarefas e a participación do alumnado, contamos coa simpatía da comunidade de produtores/as da zona, que nos convidan a visitar e coñecer as súas hortas; como Puri (vendedora hortícola no mercado de Gondomar), que achegou plantones para a nosa horta, e Antonio (criador de ovellas), que nos deu terra e convidou ao grupo de Infantil a plantar millo no seu campo.
- Web (xeral): http://gandaraschool.com/