Presentación da horta
No CEIP Plurilingüe Nº1 de Tui consideramos que a horta escolar é unha oportunidade de aprendizaxe constante. Partimos dun patio pequeno sen espazos verdes pero a experiencia ensinounos que con creatividade e actitude un patio de asfalto pode ter unha morea de posibilidades e construír zonas de horta escolar proclives a experimentación e a aprendizaxe.
Desde o curso 2016-2017 temos horta no noso patio e cada curso escolar desenvolvemos diferentes iniciativas para que o noso centro sexa un axente de cambio e mellora social.
Algúns exemplos de boas prácticas levadas a cabo ao longo destes anos e a súa relación cos ODS son: troco de sementes, compostaxe, caixa de primeiros auxilios de remedios naturais, receitas con produtos da horta, creación dunha comisión para o mantemento e coidado da horta ao longo de todo o ano (profesorado e familias) ou deseño e posta en marcha de diferentes sistemas de rego. Rego hidropónico aproveitando a luz solar, aproveitamento da auga da chuvia coa instalación dun depósito ou elaboración dun prototipo por parte do alumnado coa axuda das familias para a súa construción. No ámbito STEAM entre todos os nen@s do colexio elaboraron unha maqueta dunha cidade sostible introducindo hortas ecolóxicas.
Este ano o noso obxectivo é profundar na importancia do solo da nosa horta e levar a cabo prácticas que promovan o enriquecemento da biodiversidade do mesmo. Comezamos fabricando un vermicomposteiro que ademais de achegarnos ao mundo dos vermes permítenos seguir devolvendo á terra nutrientes de calidade. Tamén estamos a deseñar un horto circular de oito bancais organizados por familias hortícolas para levar a cabo unha verdadeira rotación de cultivos. Enriqueceremos a horta con flores e plantas aromáticas asociándoas ás distintas familias de plantas co fin de crear un entorno rico no que poda establecerse o equilibrio.
- Web (xeral): http://www.edu.xunta.gal/centros/ceipnumero1tui/node/763
- Blogue (horta): https://ceipnumero1tui.wixsite.com/sementando-vida