Presentación da horta
Dende fai moitos anos, cando o alumnado do Ceip de Cedeira chega a 5º e 6º de primaria, ten unha oferta de escolla de obradoiros nas horas de expresión plástic. Empezamos con propostas de teatro, debuxo e imaxe e, co paso do tempo, ampliáronse a radio e xardín.
O xardín era unha tarefa pendente, xa que non existía como tal e precisou un gran esforzo para poñelo a funcionar, cavando, enchéndoo de sustrato, engadindo plantas e elementos decorativos, manténdoo en boas condicións. Pero o labor foi tan enriquecedor e motivador que, cada curso xurdían novas necesidades e propostas.
As experiencias son tan variadas que, ao principio de cada curso escolar, plantéxanse uns obxectivos e novos retos, que tentamos resolver cos medios que temos ao noso alcance… Así que no curso 2018-2019, o obradoiro de xardín ampliouse tamén á horta e creamos unha pequena, que fomos aumentando e mellorando con xardíns verticais, valados decorativos, compostaxe, palés vexetais e agora mesas de cultivo.
Comezamos a nosa andaina en solitario pero durante este tempo contamos coa colaboración das familias e a ANPA, tanto axudando e participando na plantación como no cavado ou fornecemento de especies vexetais e elementos decorativos. Despois chegou a colaboración con Amigos da Terra, primeiro con apoio a distancia, como Eco Hortas Amigas da Rede, e desde este curso 2021/2022 formando parte da Rede de Eco Hortas Escolares. Empezamos como unha proposta para os cursos dos “maiores” pero agora todos os cursos participan xa das experiencias coa “Terra”.
Cada curso preséntasenos con novas ideas e propostas que acollemos con ilusión porque para o CEIP de Cedeira, a “TERRA” forma parte do seu Proxecto Educativo.
- Web (xeral): http://www.edu.xunta.gal/centros/ceipcedeira/