Formación de novas docentes en “Horta Escolar Ecolóxica”

A Rede de Eco Hortas Escolares ampliou este curso a súa achega. A súa inclusión no Plan Proxecta permitiu a incorporación de cinco novos centros educativos de toda Galicia. Así, este curso son 14 os centros participantes, espallados polas catro provincias.

Entre os meses de novembro e decembro docentes destes cinco centros participaron no curso en liña “Horta Escolar Ecolóxica”, xunto con dez profesores/as doutros centros galegos. Deste xeito, a formación abriuse á participación de colexios e institutos que están traballando en torno ás hortas escolares (ou teñen intención de facelo), aínda que non estiveran integrados na Rede.

O curso foi impartido por Andrea Estrella, da cooperativa Germinando, que ao longo de catro sesións achegou ás persoas participantes os principais aspectos agrícolas e educativos das hortas escolares. Tamén se reflexionou sobre o potencial da vinculación da horta coa Axenda 2030 á hora de traballar a agroecoloxía na aula.

Como traballo final, o alumnado deseñou unha unidade didáctica para traballar na aula contidos relacionados coa horta escolar. Nesta actividade, ademais da concreción curricular (competencias, áreas de coñecemento e secuenciación didáctica), as docentes debían incorporar de xeito explícito os ODS cos que se relacionaba a proposta e como traballarían nesa unidade o enfoque de cidadanía global.

As unidades foron presentadas na última sesión e compartidas ao final do curso con todas as participantes, co ánimo de que as leven a cabo no que resta de curso.