Familias voluntarias: talleres de identificación de necesidades

O primeiro trimestre do curso 2022-2023 serviunos para retomar o traballo cos grupos de familias voluntarias en varios centros da Rede.

Aproveitando o inicio do curso, facilitamos talleres de identificación de necesidades para cada un dos 5 centros que contan con familias que participan activamente no proxecto de horta: EEI Monte da Guía, EEI Vilalaura, CEIP Sobreira-Valadares, CEIP Seixalbo e Gándara International School.

Estas xuntanzas serviron para recibir ás novas persoas integrantes dos grupos e para decidir entre todas que obxectivos priorizar e onde poñer as forzas para este curso. Partindo das necesidades reais de cada centro, as experiencias de cursos anteriores e os intereses persoais e grupais, cada grupo definiu unha pequena folla de ruta para este curso.

A pesares das diferencias en cada un dos centros, detectáronse necesidades comúns que se identificaron en todos eles: a mellora da comunicación (dar a coñecer máis o proxecto dentro da comunidade educativa), ou tentar que outras familias que non están no grupo se acheguen en momento puntuais á horta. Os espazos lúdicos tamén se amosaron como unha necesidade relevante á hora de fortalecer os grupos.

No segundo trimestre cada un dos grupos decidirá o taller práctico sobre horta que quere levar a cabo para mellorar as súas capacidades e, polo tanto, a súa participación no proxecto.