Nas últimas semanas as familias voluntarias de cinco centros da Rede volveron xuntarse para compartir un espazo formativo.
Foron as propias familias quenes escolleron a temática do seu interese, dentro dun catálogo de formacións prácticas de horta que ofrecimos dende a Rede. Curiosamente en todos os casos a selección foi a mesma: “Preparados vexetais para tratar as plantas”.
Os/as monitores/as de horta destes cinco centros (EEI Monte da Guía, EEI Vilalaura, CEIP Sobreira-Valadares, CEIP Seixalbo e Gándara International School) achegaron ás familias algunhas receitas para elaborar preparados sinxelos a base de plantas para fortalecer os cultivos ou tratar pragas e enfermidades. Extracto fermentado de estrugas, macerado de allo ou decocción de cola de cabalo foron algúns dos preparados que fixeron as participantes.
Os talleres serviron tamén para achegar o proxecto de horta a persoas que non están participando actualmente no grupo xa que se difundiron na maioría dos coles entre todas as familias, como estratexia para dar a coñecer a horta escolar e conseguir unha maior participación.