I Encontro da Rede de Eco Hortas Escolares

O pasado 15 de abril celebramos o I Encontro da Rede de Eco Hortas Escolares en Fillas da Terra, unha horta ecolóxica en Domaio (Moaña). A xornada deseñouse como un espazo de traballo pero tamén lúdico, con servizo de canguro para os fillos e fillas das participantes (a cargo da cooperativa Donde viven los cuentos), visita guiada e xantar-degustación con produtos da horta.

Participaron 11 familias e 4 docentes de 6 centros educativos integrados na Rede (EEI Vilalaura, CEIP Cedeira, CEIP San Salvador de Teis, CEIP Sobreira-Valadares, CPR Possumus e Gándara International School).

O traballo grupal comezou cunha exposición inicial por parte de Amigas da Terra sobre a avaliación do funcionamento da Rede e algunhas claves sobre os principais problemas detectados para a sostibilidade dos proxectos de horta.

Logo da contextualización inicial, levouse a cabo un proceso de intercambio e identificación de boas prácticas e necesidades en torno á mellora da participación nas hortas escolares. Así, conformáronse grupos mixtos (integrados por docentes e familias) que traballaron en 3 mesas temáticas:

  • Intercambio de experiencias: como estamos a favorecer a participación nas hortas dos coles?
  • Reflexionando para a mellora da horta: como podemos incrementar a participación no proxecto?
  • Laboratorio de ideas para incluír a horta a nivel de centro.

Como resultado do intercambio recolléronse estratexias e actividades que xa están funcionando nalgúns centros e que poden servir de inspiración para outros centros. Destacamos, por exemplo, os talleres levados a cabo polas familias, que facilitan a participación e descargan parte do traballo do equipo docente; ou o establecemento da horta como materia obrigatoria para alumnado dun determinado nivel, que contribúe a integrar a horta no proxecto de centro e que todos/as os nenos/as do cole pasen por ela nalgún momento da súa estadía no centro.

Doutra banda, a difusión do proxecto de horta máis aló do grupo de familias voluntarias (a través de xornadas lúdicas ou espazos formativos) semella unha boa estratexia de cara a poñela en valor e facilitar o achegamento de familias que, doutro xeito non se terían achegado (por non sentirse capacitadas ou con dispoñibilidade para participar como voluntarias de xeito máis continuado).

No ámbito das melloras a medio e longo prazo, destacamos varias necesidades:

-Identificar as posibilidades para o establecemento das hortas escolares como “materia” ou como parte do itinerario formativo de todo o alumnado, así como o recoñecemento das horas de traballo do persoal docente implicado.

Difundir o proxecto de horta entre as familias (na AFA, ANPA, escola de familias e outros espazos de participación), como se comenta no punto anterior, xa que esta é unha parte máis da incidencia dentro da comunidade escolar.

Posta en valor das hortas escolares de cara ao exterior (fronte á Consellería de Educación e outros axentes educativos…), para conseguir máis recursos formativos, humanos e económicos, necesarios para o desenvolvemento das hortas.

A continuación achegamos a memoria completa do Encontro e unha infografía que recolle as boas prácticas identificadas ao longo da xornada.