Iniciamos unha nova edición do curso “Horta Escolar Ecolóxica”

A formación do persoal docente segue sendo unha das principais liñas de actuación da Rede de Eco Hortas Escolares.

En novembro puxemos en marcha unha nova edición do curso “Horta Escolar Ecolóxica”, enmarcado dentro do Plan Proxecta do programa.

Esta edición, combinará tres sesións en liña e una sesión presencial que se celebrará no II Encontro da Rede de Eco Hortas Escolares.

Nas sesións en liña abordaranse aspectos agrícolas e educativos dos proxectos de hortas escolares, co obxectivo de afondar no aproveitamento pedagóxico e na integración da horta a nivel de centro.

O pasado 8 de novembro celebrouse a primeira sesión “Deseño e planificación da horta escolar”, onde a formadora e bióloga Flor Medina (da Escola de Tempo Libre Xaruma), achegou ás participantes os principios do cultivo ecolóxico e as principais claves á hora de poñer en marcha unha horta escolar.

As participantes traballaron no deseño da horta de outono-inverno dos seus centros educativos e compartiron aprendizaxes e dúbidas que xurdiron deste exercicio.

En xaneiro levarase a cabo a segunda sesión que abordará o enfoque da EpTS e a súa aplicación ás hortas escolares.

As participantes tamén terán que realizar un traballo autónomo de deseño dunha actividade educativa, que presentarán na terceira sesión do curso. Esta sesión complementarase cunha mesa de intercambio de experiencia con labregas de Galicia e Honduras.

No curso participan un total de 18 docentes de 14 centros educativos galegos (6 deles participantes do Plan Proxecta da Rede).