O pasado 25 de febreiro tivo lugar a primeira xornada online “FAMILIAS NA HORTA ESCOLAR. A horta como semente dun mundo máis sostible” a primeira formación orientada ás ANPAS da Rede de Eco Hortas Escolares.
Con esta xornada pretendíamos facer unha primeira aproximación á Axenda 2030 (os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible ou ODS), motivar ás nais e pais participar nas hortas dos seus colexios e que se puideran intercambiar experiencias entre as persoas participantes.
A axenda foi a seguinte:
- Presentación
- A horta é un ecosistema. O cole tamén.
- Exposición teórica:
- A Agroecoloxía escolar
- Os ODS nas hortas escolares
- Experiencias reais de familias nas hortas
- Dinámica grupal para deseño de actividades na horta escolar
Esta formación complétase cunha serie de retos para os grupos de nais e pais, co obxectivo de implementar os ODS nas hortas. As actividades propostas desenvolveranse de aquí a maio, mes que no realizaremos unha segunda formación na que esperemos que nos conten as súas experiencias.
Esta actividade englóbase dentro do proxecto financiado pola Xunta de Galicia, a través do cal Amigos da Terra segue apostando polas hortas escolares como recurso educativo para traballar a sostibilidade e a cidadanía global.