Comezamos novo curso na Rede de Eco Hortas Escolares

A Rede de Eco Hortas Escolares continúa a súa viaxe conxunta neste curso 2020-2021. Tralos últimos meses de paralización da actividade educativa e a grave situación socio-sanitaria que nos afecta a todos os niveis, comezou en setembro un novo curso escolar, atípico e cheo de incertezas.

Dende Amigos da Terra, no noso compromiso de seguir apostando polas hortas escolares como recurso educativo para traballar a sostibilidade e a cidadanía global, conseguimos artellar un novo proxecto que conseguiu financiamento da Xunta de Galicia. Será un proxecto centrado na creación de alianzas, novos recursos educativos e traballo e encontros online, como non pode ser doutro xeito nestes momentos. Un esforzo de adaptación na nosa aposta por seguir acompañando ás comunidades educativas participantes e seguir construíndo espazos educativos transformadores.

Así, no novo curso as principais actuacións serán:

-Posta en marcha dun programa de colaboración para a realización de traballos académicos e prácticas dentro da Rede por parte do alumnado universitario. A través da Axenda 2030 de Desenvolvemento Sostible, os coñecidos como ODS, alumnado de diferentes Graos e Masters poderán deseñar actividades e proxectos para a integración curricular das hortas escolares.

-Celebración dunha formación online sobre ODS e hortas escolares dirixidas a familias e ANPAS, para mellorar a participación das familias no proxecto de horta de cada un dos centros.

Encontro online sobre experiencias educativas ao redor das redes de hortas escolares nacionais e internacionais, para fortalecer os proxectos de horta escolar, a partir do coñecemento doutras experiencias do territorio nacional e do mundo.

-Elaboración dunha maleta pedagóxica adaptada á contorna online e/ou a distancia. Entre outros recursos didácticos, elaboraremos unha serie de vídeos protagonizados por labregas hondureñas que participan nos nosos proxectos de cooperación e que achegarán ao alumnado galego os principais cultivos da súa dieta, as prácticas agroecolóxicas que levan a cabo e as problemáticas como o cambio climático, que afectan ás súas hortas familiares.