II Encontro da Rede de Eco Hortas Escolares

Os espazos de intercambio e aprendizaxe son unha das prioridades da Rede. Por iso, non dubidamos este ano en celebrar de novo un encontro presencial con docentes e familias.

O II Encontro da Rede de Eco Hortas Escolares tivo lugar o 27 de abril na Asociación Raíña Paraíso (Vilasantar). Nesta ocasión participaron as docentes do “Horta Escolar Ecolóxica” que desenvolvimos dentro do Plan Proxecta da Rede, nunha sesión final que nos serviu para pechar o curso cunha xornada lúdica.

Participaron da xornada 11 persoas (10 persoas adultas e 1 neno). Tres das persoas adultas formaban parte de 2 familias participantes e 7 eran docentes de centros educativos galegos. Catro destes centros están integrados na Rede (CEIP de Prácticas CEIP Sobreira Valadares, CPR Possumus e IES Monte Castelo) e os outros tres non (CEIP A Paz-Tintureira, CPI Ponte Carreira – Frades e CEIP Plurilingüe Pedro Caselles Rollán de Xove). Así, a formación serviu para conectar a Rede con outros centros e facer un grupo máis diverso.

O programa incluía un espazo de intercambio entre familias e docentes, visita guiada á Asociación Raíña Paraíso e un xantar de despedida con produtos da propia asociación.

O espazo de intercambio comezou coa dinámica do “termómetro”. Cada unha das participantes expuxo unha ou varias ideas de actividades exitosas no seu centro educativo. Ao rematar cada unha das ideas, o grupo tiña que respostar á pregunta de “como de factible ou realista sería implementar esa idea no meu centro educativo?”. Para respostar, terían que situarse espacialmente ao longo dunha escala marcada por dous extremos: “imposible” e “moi factible”.  Algunhas das ideas que se compartiron foron:

  • Tertulias da Horta (a horta como espazo de debate do alumnado)
  • Eco voluntarios/as.
  • Estratexias de organización do alumnado para a rega.
  • Plantación en xardín vertical de amorodos.
  • Vinculación da horta coa cociña e o comedor.
  • Traballo colaborativo entre alumnado de ciclos e alumnado da ESO.
  • Proceso de transformación do espazo da horta de maneira colaborativa coa axuda de diversos axentes (empresas da contorna, concello e familias).
  • Construcción dun hotel de insectos coa colaboración de alumnado de distintos niveis.
  • Creación dun banco de recursos según as necesidades de cada mestre, onde as familias colaboraron no deseño das actividades

A continuación, organizouse a segunda parte do espazo, para o cal, sumáronse a estas ideas, unha selección de outras ideas identificadas dende a Rede de Eco Hortas Escolares e que se compartiron en formato póster. Tratábase de propostas de actividades ou iniciativas que se recolleron en espazos anteriores e que se agruparon en dous ámbitos: “participación da comunidade educativa” e “ inclusión ou mellora no traballo curricular ou de aula”.

Logo desta parte expositiva tivo lugar un traballo por grupos. As participantes debían seleccionar unha idea que creían que poderían desenvolver no seu centro educativo no seguinte curso escolar. Podía ser unha das ideas expostas polas compañeiras, das que estaban nos pósters ou ben algunha outra nova que elas mesmas identificasen.

Divididas en 3 grupos debían compartir a súa proposta coas compañeiras e identificar as dificultades e oportunidades para levala a cabo. Algunhas das ideas seleccionadas foron as seguintes:

  • Mercado de produtos da horta.
  • Convertir a horta escolar en materia.
  • Poñer en marcha un composteiro.
  • Maleta viaxeira da horta para que vaia aos fogares.
  • Aumentar a superficie da horta (repensar ao patio).
  • Colaboración con outros centros de FP.
  • Integrar na coordinación de horta ás familias.
  • Talleres ou actividades de horta coordinadas por familias.

 

A xornada rematou cunha visita guiada á Asociación Raíña Paraíso. Raquel achegounos aos obxectivos e instalacións deste interesante proxecto que produce alimentos ecolóxicos que destinan a comedores escolares da zona e que conta tamén cun obrador de doces e empanadas. Así mesmo, o proxecto ten o valor engadido de empregar a persoas en situación de vulnerabilidade social e organizar actividades interxeneracionais coa veciñanza.

A continuación achegamos a memoria completa do Encontro.