O pasado 27 de novembro iniciamos unha nova edición, dentro do Plan Proxecta, do curso “Horta Escolar Ecolóxica”. 25 docentes de 20 centros educativos galegos capacitaranse nos próximos meses en diferentes ámbitos relacionados co desenvolvemento das hortas escolares.
Esta edición, combinará tres sesións en liña e dúas sesións presenciais.
Na primeira sesión, titulada “Deseño e planificación da horta escolar. 1ª parte“, Flor Medina, asesora da Rede, achegou ás persoas participantes os principios básicos da agricultura ecolóxica. Logo dun traballo en grupos, o persoal docente puxo en práctica os coñecementos adquiridos aplicándoos á planificación de cultivos para a horta outono-inverno do seu centro educativo.
Nas próximas clases traballarán sobre o deseño de situacións de aprendizaxe que vinculen a horta e o currículo, reflexionarán sobre os elementos clave para integrar a horta a nivel de centro, e participarán dun encontro final nun proxecto agroecolóxico referente en Galicia.