Talleres de horta coas familias voluntarias

No segundo trimestre celebramos talleres prácticos de horta coas familias voluntarias de 5 centros da Rede, co obxectivo de mellorar os seus coñecementos e facilitar así a súa participación no proxecto de horta escolar.

A temática de cada taller foi escollida polo grupo de familias de cada centro, co obxectivo de ofrecer a formación que se axuste mellor ás súas necesidades e intereses.

No CEIP Seixalbo levaron a cabo un taller de sementeiras, que contou coa participación da familias do grupo de horta e novas familias que asistiron á xornada de portas abertas do cole unhas semanas antes e que amosaron o seu interese en participar do grupo.

As participantes puideron facer prácticas de diferentes tećnicas de sementeiras como o Nendo Dango, os xerminados de lentella, plantación de flores en maceteiros feitos con cartóns dos rolos de papel hixiénico, e sementeira directa en terra dalgúns cultivos na horta do cole.

Na EEI Vilalaura celebrouse un taller de aromáticas. As familias participaron dun xogo de identificación de plantas aromáticas a través dos sentidos, aprenderon a facer esqueixes das plantas aromáticas e fixeron saquiños aromáticos para levar ás súas casas, coas follas secas das plantas aromáticas que escolleron.

Na EEI Monte da Guía e no CEIP Sobreira-Valadares, o taller escollido foi o de multiplicación de plantas de horta e xardín. O taller estructurouse en dúas partes. Na primeira o formador explicou os diferentes tipos de esgallos e técnica de extracción e plantaciónque é mellor para as diferentes plantas da horta. Na segunda parte, as participantes saíron ás zonas verdes e á horta do centro escolar para recoller e plantar esgallos de arbustos e aromáticas.

Por último, no Gándara International School, as familias optaron por un taller de planificación da horta. O formador compartiu con elas os elementos que condicionan a planificación de cultivos (espazo, climatoloxía, rego no verán, asociacións e rotacións ou consideración ou non do ciclo da lúa) e achegoulles documentos que facilitarán que participen na decisión de que plantar en cada estación na horta do cole. En concreto, un calendario de sementeira (con cultivos xa plantados en cursos anteriores no cole), e unha táboa de planificación para calcular o número de plantas por bancal, en función do espazo que precisa cada cultivo.

A continuación o grupo saiu a ver a horta do centro e, en función do que había plantado, o que estaba listo para a colleita, as asociacións posibles e os intereses do propio grupo, decidiron os cultivos que se plantarían nas próximas semanas.