Curso de horta escolar: xustiza global e enfoque de Educación para a Transformación Social

O curso “Horta Escolar Ecolóxica” que levamos a cabo con persoal docente de centros educativos de todo Galicia, celebrou dúas sesións máis no segundo trimestre, ambas as dúas en liña.

A segunda xornada, titulada “Da horta á aula: A Educación para a Transformación Social (EpTS) nas hortas escolares”, tivo lugar o 24 de xaneiro. O concepto e evolución de EpTS, a Axenda 2030 de Desenvolvemento Sostible, e a Soberanía Alimentaria foron os conceptos teóricos traballados nesta ocasión, como ferramentas para vincular o traballo de horta escolar e o de aula.

Despois, as participantes fixeron un exercicio práctico en grupos para poder poñer en práctica algunhas das claves comentadas na sesión. Ademais, puxéronse en común os contidos do exercicio que terían que facer pola súa conta, como tarefa a entregar para a superación do curso. Este exercició consistiu no deseño dunha actividade educativa relacionada coa horta escolar que poderán desenvolver posteriormente no seu centro educativo.

A terceira sesión celebrouse o 23 de marzo. Baixo o título “Voces da Terra: Experiencias labregas do Norte e do Sur Global”, organizamos unha mesa redonda onde participaron Dora Cabeleiro (labrega e membro do Sindicato Labrego Galego) e Verónica Rodríguez (labrega e membro da Asociación de Desarollo Pespirense, Honduras).

Na conversa, as mulleres puideron compartir coas participantes o seu punto de vista sobre cuestións diversas como as problemáticas que afectan á súa actividade produtiva, as alianzas que se poden establecer entre o campo e as escolas e como afecta a cuestión do xénero no seu día a día como mulleres labregas.

Na segunda parte da sesión, as docentes traballaron en grupos onde compartiron as actividades didácticas que deseñaron, introducindo melloras para incluír a visión de xustiza global e o coñecemento doutras realidades, propio do enfoque de EpTS.

O curso finalizará o próximo 27 de abril, data na que se celebrará o II Encontro da Rede de Eco Hortas. Nesta última sesión, as participantes compartirán un espazo de aprendizaxe e intercambio de experiencias con outras docentes e familias da Rede de Eco Hortas.