Sacando proveito á horta escolar: resumo fin de curso (1/2)

As hortas escolares de todos os centros da Rede deron moitos froitos este ano. Tralos cultivos de inverno, houbo gran variedade de cultivos de primavera e verán que, tras meses de coidado, foron recollidos polo alumnado antes do final do curso. A continuación achegamos cómo foron as hortas en 4 centros da Rede.

No caso de CEIP A Doblada, por exemplo, alumnos e alumnas de Educación Infantil e de 1º, 2º, 4º, 5º e 6º de Primaria recolleron grelos, canónigos, amorodos, cebolas, leitugas, raviños, acelgas, cenorias e algunhas aromáticas como o tomiño.

Pola súa banda, no CEIP San Salvador de Teis, onde traballan con mesas de cultivo, alumnado de 5º e 6º de Primaria colleitou raviños e espinacas, leitugas ou tomates. Ademais, aproveitaron parte dos alimentos para facer un obradoiro de cociña que tivo moito éxito! Pola súa banda, o alumnado de 5º e 6º de Infantil fixo durante o curso un caderno de campo para anotar todos os cambios que observaron nos cultivos que foron sementando. E no momento da colleita, tamén levaron a cabo unha clase de cociña, con elaboración de tostas veganas.

No EEI Vila Laura, un dos máis veteranos nos proxectos de hortas escolares, cultivaron un gran vareidade de alimentos. No outono plantaron fabas, cenoria, cebolleta ou raviños. E na primavera pementos, tomates cherry, leituga de primavera… Tamén fixeron outras actividades complementarias como bombas de sementes, saquiños de herbas aromáticas, vermicomposteiros e varios obradoiros de cociña. E durante todo o curso, traballaron sobre o refraneiro popular en torno é horta.

Por último no CPR Possumus o alumnado de 6º de Educación Infantil, 1º e 2º de Educación Primaria levou a cabo unha chea de actividades: decoración de macetas, saquiños aromáticos, obradoiro para facer regadeiras, elaboración de espantallos ou construción de comedeiros para paxaros, todo elo con materiais de reciclaxe.

Ademais, na horta plantaron durante o curso chícharos, grelos, canónigos, pementos, tomates, leituga, rúcula, amorodos ou aromáticas. E no Día Mundial da Saúde convidaron ás familias a saborear os productos da horta, cunha tosta untada con queixo, canónigos e raviños da propia horta.