Sacando proveito á horta escolar: resumo fin de curso (2/2)

Continuamos contándovos como se desenvolveu o curso noutros 3 coles da Rede. No EEI Monte da Guía participaron os 3 niveis de Educación Infantil. Todo o alumnado do centro participiou da construción de bicho hoteis, para favorecer que os insectos polinizadores e a fauna útil estea preto da horta. Ademais de todas as labores de mantemento e coidado, aprenderon a facer sementeiras e colleitaron produtos da horta cos que preparon na aula de 3 anos, unha fantástica ensalada de fabas con leituga, tomate, patacas, olivas e ovo.

No CEIP Josefa Alonso de Alonso participaron das actividades de horta o alumnado de 4º e 6º de Infantil; e 1º, 2º, 4º e 5º de Primaria. Entre todos e todas fixeron os bancais ao inicio de curso e cultivaron diversos alimentos como allos, tomates, amorodos e leitugas; elaborando ademais un composteiro con palets.

Por último, no caso do CEIP FRIAN-Teis o alumnado de Educación Infantil preparou sementeiras en cascas de ovos e vasos, que logo transplantaron ao bancal; recolleu follas secas para o acolchado dos bancais, e fixo espantallos para a horta.

Os grupos de 2º, 4º e 6º de Primaria plantaron diferentes cultivos (leitugas, cenorias, patacas…) directamente na horta ou ben transplantando o que sementaron nas aulas. Tamén colleitaron allos tenros e chícharos cos que fixeron varias receitas nun obradoiro de cociña en 2º de Primaria. Ademais, traballaron na compostaxe orgánica a partir da recollida de restos da campaña escolar da froita, e restos aportados pola titora procedentes do seu domicilio, aprendendo así a diferenciar os materiais compostables (húmidos e secos).

Deixámosvos algunhas fotos das actividades realizadas: