Visita intercentros ao CEIP Sobreira-Valadares

A creación de novos espazos de intercambio e aprendizaxe entre os centros participantes é un dos principais obxectivos e retos da Rede de Eco Hortas para este curso escolar. Por iso, no mes de novembro organizamos a primeira visita intercentros da Rede.

O centro anfitrión, o CEIP Sobreira-Valadares, acolleu durante unha mañá a alumnado e profesorado de 2º de Educación Primaria do CEIP Nº1 de Tui e o CPR Possumus.

A visita organizouse a partir da formación de tres grupos mixtos (con alumnos/as dos 3 centros participantes), que participaron de tres actividades diferentes: visita guiada á horta do Sobreira, plantación de cultivos de outono-inverno e elaboración dun marcapáxinas, nun taller de estampación de follas en papel de acuarela. A organización dos grupos mixtos favoreceu o traballo cooperativo e o intercambio e coñecemento mutuo entre alumnado dos diferentes centros.

Antes de iniciar as actividades previstas, o alumnado do CEIP Sobreira recibiu aos centros visitantes cantando o “himno da horta” creado por unha das nais voluntarias o curso pasado. Ademais, incluíse na programación unha merenda a media mañá, organizada polas familias voluntarias e con parte de alimentos da súa horta.

As tres persoas de apoio na horta de cada un dos centros (Jacobo, Flor e Gemma) guiaron as actividades co alumnado. Esta visita permitiulles traballar de xeito conxunto por primeira vez, o que xerou intercambio de ideas, saberes e experiencias que poden trasladar aos centros nos que colaboran.