Visita intercentros ao IES Monte Castelo

No segundo trimestre continuamos coas visitas ás proxectos de horta dos centros da Rede. Así, a finais de febreiro un grupo de alumnos/as e profesorado do CEIP de Prácticas (A Coruña) e o CEIP Anexa (Lugo) visitaron o IES Monte Castelo (Burela). Os tres centros forman parte da Rede dende o curso 22/23, cando se integraron a partir do Plan Proxecta da Rede de Eco Hortas Escolares.

Seguindo a mesma organización que na primeira visita, a xornada organizouse a partir da formación de 3 grupos mixtos (formados por alumnos/as dos 3 centros participantes), que participaron das seguintes actividades:

  • Visita guiada á horta do centro e plantación de cultivos de primavera. A visita guiada foi dinamizada a través dun xogo (xincana botánica onde o alumnado tiña que descubrir os cultivos a través de pistas).
  • Taller de debullado e elaboración de saquiños de sementes de millo. O alumnado debullou o millo e achegouse ás diferentes fases de aproveitamento do millo (dende a súa colleita ata elaboración de fariña), así como os usos tradicionais do millo en Galicia e a súa presenza na cultura popular e tradicional galega (a través dunha cantiga). Finalmente, elaboraron coas follas da mazaroca un saquiño con sementes de millo para levar ás súas casas.
  • Taller de silvestres comestibles. Os/as alumnos/as aprenderon sobre as plantas silvestres comestibles que se atopaban no entorno da horta, os seus usos e cata de algunha delas. Tamén fixeron debuxos con tintes vexetais elaborados con nogalina (tinte natural feito a partir da noz).

A visita ao único instituto da Rede permitiu unha actividade de colaboración entre alumnado de diferentes niveis educativos (FP e secundaria dunha banda, e Primaria doutra). Isto supuxo unha experiencia moi enriquecedora. De feito o alumnado de Formación Profesional, que xa participara da horta no curso anterior, exerceu durante toda a mañá de guía para o alumando visitante, tanto na visita á horta como na actividade de plantación. Isto permitiulles adoptar un rol de maior responsabilidade, exercendo o papel de formadores ou acompañantes do resto de alumnos de menor idade, o que supón unha boa práctica de cara á formación de habilidades e competencias profesionais.