Esta semana fixemos un preparado moi sinxelo para coidar a nosa horta. O xurro de lentellas, funciona como enrainzante natural e se emprega no rego dos sementeiros e das plantas.
Para a súa elaboración só se precisa unha cunca, un cubo, un pano (máis grande que o cubo, un batedor eléctrico, un coador, e por suposto, lentellas e auga! A proporción precisa é de 1 cunca de lentellas por 4 cuncas de auga. Misturamos no cubo, tapamos co pano para que non teña luz e deixamos repousar 3 ou 4 días. Despois dese tempo as lentellas están xerminadas (presentan raíz). Para obter o xurro, batemos todo (lentellas e auga) coa axuda dun adulto, ata facer unha pasta. No último paso, colamos todo para que na cunca quede o líquido resultante. O resultado é un líquido que parece leite é cheira a regaliz!
Unha vez feito o xurro, os nosos pequenos e pequenas, regaron a horta con este líquido concentrado, pero sen botalo directamente. Para elo disolvimos en auga nunha relación de 1 parte de xurro por 10 de auga, e empregamos como caldo de rego.
Como xa saben os nosos pequenos horteláns, esta sinxela receita axudará aos nosos cultivos en bancais e sementeiros a crecer fortes e sans.