Curso de horta escolar: a integración da horta no centro educativo

O alumnado do noso curso de horta escolar seguiu adqiurindo coñecementos nos diferentes ámbitos que abordamos dende esta formación. Na cuarta sesión, celebrada de xeito virtual o pasado 26 de marzo, enfocámonos en estratexias e recursos para a integración da horta no centro escolar.

A primeira parte centrouse nos límites e as oportunidades para o desenvolvemento das hortas que vimos detectando nestes anos a raíz do diagnóstico “As hortas escolares en Galicia” e das conclusións dos distintos encontros que levamos realizando.

Para abrir a nosa perspectiva a outras experiencias, contamos con German Llerena da Red de Huertos de San Cugat quen nos comentou diversas iniciativas comunitarias que foron moi inspiradoras. Proxectos baseados na metodoloxía da Aprendizaxe-Servizo, creación dunha cooperativa escolar de consumo e de comunidades de “sementeira” de auga foron algunhas das interesantes experiencias que puidemos coñecer. Todas elas amosan o potencial das hortas escolares como proxecto para favorecer vínculos e alianzas dentro e fóra das comunidades educativas.

E para finalizar, levamos a cabo traballo en grupo con dinámicas como un xogo de rol para levarnos tarefas para o que queda de curso nas hortas.

En maio celebraremos a última sesión presencial do curso, en Silleda, da que vos daremos boa conta!