IV Encontro da Rede de Eco Hortas Escolares

Un ano máis, e xa van 4, organizamos o Encontro da Rede de Eco Hortas como xornada de fin de curso.

Desta vez, un grupo de docentes e unha familia voluntaria da Rede xuntáronse na Finca A Castiñeira, en A Baña. O Encontro foi, como en edicións anteriores, a última sesión do curso de horta escolar ecolóxica que celebramos neste curso. 11 docentes de 10 centros educativos galegos que estiveron formándose durante as catro sesións anteriores nos diferentes elementos dos proxectos de agroecoloxía escolar, puideron pechar a súa participación nunha xornada de intercambio de aprendizaxes pero tamén de celebración a motivación para continuar impulsando as hortas escolares.

A xornada dividiuse en varios espazos: traballo en grupos, visita guiada ao proxecto e xantar de despedida.

O traballo grupal serviu para identificar, dende a experiencia propia das participantes diferentes claves para a mellora das hortas escolares cun obxectivo de lograr a sostibilidade e participación da comunidade educativa neste tipo de proxectos.

Así, entre as ideas que poderían levarse a cabo para favorecer a participación, descatan: o emprego da horta para traballar elementos curriculares, a difusión interna e a concienciación dentro do profesorado (dar a coñecer ao profesorado a importancia e beneficios dos proxectos de horta), así como o aproveitamento da colleita dentro do centro como elemento de celebración e desfrute, como aporte ao comedor e ás merendas (reforzando e educación en alimentación saudable e nutrición) e como actividade educativa (obradoiros de cociña, actividade extraescolar….).

En canto ás barreiras identificadas, as máis sinaladas son a falta de tempo e de coñecementos, pero tamén outras como o desinterese ou falta de apoio do claustro ao proxecto (relacionado tamén coa falta de recoñecemento ás horas de implicación no proxecto de horta, considerado en moitos casos como algo voluntario). Tamén se sinalan outras como a escaseza de espazo e/ou o condicionante da climatoloxía para poder facer actividades no exterior.

En relación ás propostas para integrar o proxecto a nivel de centro, ponse o foco na necesidade de coordinación entre o profesorado cunha planificación anual da horta compartida e accesible a alumnado, profesorado e familias e unha persoa coordinadora, así como asignación de tempo semanal para as distintas docentes involucradas. Tamén destacan estratexias de colaboracións con asociacións e centros de FP con ciclos de formación relacionados coa agricultura (como o CIFP A Granxa), que apoien na posta en marcha e desenvolvemento das hortas, e desenvolvemento de proxectos de investigación para traballar a horta a nivel curricular. Por último, en canto á dificultade da adicación de tempo, identifícanse os proxectos competenciais como unha oportunidade para poder incluír a horta nos mesmos.

Despois do traballo en grupos, as compañeiras do proxecto Daquí Darredor explicaron a súa iniciativa de cociñas colaborativas, pioneira en Galicia. Trátase de dous espazos para utilizar de xeito colaborativo, a cociña e o matadoiro móbil, para a transformación e elaboración de produtos da casa ben para vender ou para consumo propio.

A continuación, Tasio, levou a cabo unha visita guiada pola finca, onde as participantes puideron coñecer diferentes técnicas de cultivo de hortalizas e setas, así como o espazo de venda directa. Tanto as setas como parte das hortalizas de temporada formaron parte do exquisito xantar do que puideron desfrutar as participantes, preparado polas integrantes do proxecto Daquí Darredor.

A continuación achegamos memoria completa do Encontro.