Curso de horta escolar: traballo nas aulas e a pé de horta!

En xaneiro e febreiro continuamos o curso de “Horta Escolar Ecolóxica” 2025-2026.

A segunda sesión, celebrada de xeito online a finais de xaneiro, centrouse no traballo curricular e como relacionalo co proxecto de horta para sacar o maior proveito educativo. Para iso contamos con Julieta Alasino, da cooperativa Alalá, quen introduciu a visión da educación ecosocial como enfoque para incoporar as problemáticas globais dende o punto de vista social, ambiental e económico dende unha perspectiva de correponsabilidade e empatía.

Ademais, o alumnado puido practicar o deseño dunha “Situación de Aprendizaxe” relacionada coa horta para poñer en práctica este enfoque.

En febreiro tivo lugar a terceira sesión do curso en formato presencial, de novo no IES Arzobispo Xelmírez.

A formación impartiuna Luz Eyo, do proxecto Hortalíza-Te e colaboradora da Rede. A xornada permitiu afondar nalgúns coñecementos importantes sobre cultivo ecolóxico, e abordar o deseño e a planificación de cultivos aproveitando o cambio de estación e practicando nesta ocasión coa horta de primavera-verán.

Así, experimentamos co solo para analizar a súa composición e reflexionar sobre a súa importancia na agricultura e as enmendas que podemos aportarlle para equilibralo e nutrilo.

A continuación pasamos a facer plantacións. Fixemos sementeiras en macetas e alveolos, de cultivos que logo serán transplantados á horta. Nos bancais fixemos sementeiras directas de bulbos e plántulas e practicamos a asociación de cultivos.

Houbo tempo tamén para facer un intercambio coas sementes que trouxeron as e os docentes das hortas do seus centros, e vimos distintas

O curso continuará en marzo con novos contidos para seguir construíndo as hortas escolares que soñamos.