Proxecto de investigación coa Misión Biolóxica de Galicia

Este curso iniciamos unha nova colaboración na Rede de Eco Hortas. Da man da Misión Biolóxica de Galicia-CSIC, centro adicado ao estudo e conservación dos nosos cultivos, levamos a cabo unha proposta para promover a investigación nos centros da Rede.

A proposta consite en realizar un Ensaio de Investigación con Sementes, onde alumnas e alumnos farán de investigadores/as científicos/as. Cultivarán 2 especies de brásicas (repolo e nabicol) co obxectivo de realizar unha investigación sobre as súas orixes, variedades, usos tradicionais e características agronómicas.

O alumnado realizará medicións durante todo o curso (como crecemento, resistencia a pragas, morfoloxía, etc.) e rexistrará os resultados, promovendo así o pensamento científico e o traballo en equipo.

En total participan desta iniciativa 6 centros da Rede: o CPR Possumus (Vigo), o CEIP de Cedeira (Redondela), o CEIP Anexa (Lugo), o CEIP Víctor López Seoane (A Coruña), o IES Pedra da Aguia (Camariña) e o IES Monte Castelo (Burela). Isto representa unha interesante variedade xeográfica que permitirá ofrecer unha análise comparativa de similitudes e diferenzas no desenvolvemento dos cultivos motivadas polas condicións climáticas e ambientais.

Durante o primeiro trimestre levaranse a cabo as fases de sementeira e transplante dos cultivos en todos os centros. O equipo investigador que lidera o ensaio visitou a cada un dos centros para explicar o desenvolvemento do proxecto, achegar as distintas fichas de recollida de datos e realizar a sementeira co alumnado participante.