Espazos de planificación coas familias voluntarias da Rede

Durante o mes de novembro iniciamos espazos de encontro e planificación coas familias voluntarias na horta de varios centros da Rede.

Ao igual que en anteriores cursos, aproveitamos o primeiro trimestre para reactivar os grupos e planificar os obxectivos para mellorar os proxectos de horta creando comunidade.

Tres son os centros educativos que incorporan ás familias na xestión da horta.

A EEI Monte da Guía (Vigo) deu a benvida a varias familias novas que se incorporan ao grupo coincidindo coa entrada dos seus fillos e fillas na escola. En conxunto con dúas docentes, unha delas a responsable de horta, identificaron as tarefas prioritarias para este curso. Facer mini invernadoiros nos bancais con garrafas de auga, mellorar a compostaxe, que as familias colaboren en actividades de cociña para aproveitar os alimentos cultivados, ou intercambiar e levar á escola sementes e planteis das hortas familiares, son algunhas das ideas que xurdiron neste centro.

No caso da EEI Vilalaura (Vigo) e o Gándara International School (Gondomar) as familias están integradas nun equipo de coordinación máis amplo, que inclúe a docentes e persoal do equipo directivo.

Na xuntanza inicial da escola infantil priorizaron a instalación do sistema de rego, a ampliación de novas zonas verdes con xardineiras en fiestras ou xardín vertical, facer un proxecto de gusanos de seda aproveitando a moreira do centro, e organizar obradoiros para as familias en temáticas diversas relacionadas coa horta (en horario extraescolar).

Pola súa banda, no Gándara os esforzos enfocaranse en facilitar a participación das familias a través da ampliación do horario de acceso á horta (tamén aberta polas tardes) e a identificación de tarefas concretas nas que colaborar. Tamén se retomará a reconstrucción do hotel de insectos, tarefa identificada no curso pasado, e se renovarán os bancais que se atopen deteriorados.

Ademais de dar seguimento e apoio ao cumprimento destes obxectivos, para mellorar as capacidades dos grupos, no segundo trimestre organizaremos un taller práctico de horta con espazo de intercambio de experiencias entre os diferentes centros.