III Encontro da Rede de Eco Hortas Escolares

Os Encontros da Rede de Eco Hortas xa son unha cita ineludible de fin de curso.

Así, en maio xuntámonos por terceiro ano, nunha xornada de intercambio de aprendizaxes pero tamén de celebración no proxecto agroecolóxico Trasdeza Natur (Silleda).

En total participaron do Encontro 24 persoas (20 persoas adultas e 4 nenos/as), tanto familias voluntarias da Rede como docentes de centros educativos galegos. As docentes eran tamén participantes do “curso de horta escolar ecolóxica” integrado no Plan Proxecta 2024-2025. 4 das persoas pertencían a 2 centros que están integrados na Rede (CPR Possumus e IES Ordes) e o resto a outros 10 centros non integrados pero que participaron da formación organizada pola Rede.

A xornada dividiuse en varios espazos: traballo co persoal docente para a inclusión da mirada de cidadanía global nas actividades de aula (mentres as familias facían un obradoiro de horta nas instalacións), visita guiada ao proxecto e xantar de despedida.

O espazo de traballo co persoal docente serviu desta vez para afondar nun dos elementos que supoñen maior reto para o profesorado, a inclusión da perspectiva global nos proxectos de horta. Os/as docentes traballaron en grupos sobre algunhas das Situacións de Aprendizaxe deseñadas por eles/as mesmos/as no curso e compartiron os resultados nunha devolución en plenario.

A continuación, o docente convidado Alberto Mayo, do IES Valga, presentou a experiencia do proxecto “Xardín circular” que coordinou neste centro educativo. Así, esta iniciativa presentouse como exemplo práctivo e real dunha experiencia de introdución do enfoque global nos centros educativos.

Antes do xantar tivo lugar a visita guiada ao proxecto Trasdeza Natur. Da man de Rosendo, as participantes puideron visitar as instalacións do proxecto e coñecer os produtos que comercializan (en especial as froitas dehidratadas).

A continuación achegamos a memoria completa do Encontro.