Obradoiro para as familias voluntarias na Fundación Sales

O pasado mes de abril familias voluntarias de tres centros da Rede (EEI Vilalaura, EEI Monte da Guía e Gándara International School) puideron desfrutar dun novo espazo de intercambio e formación, creado exclusivamente para elas.

O obxectivo foi favorecer un espazo que combinase intercambio de experiencias e capacitación en temas agroecolóxicos. A Fundación Sales, co seu fantástico xardín botánico foi o marco ideal (aínda que a climatoloxía non acompañou) onde realizar este encontro e desfrutar dunha tarde moi enriquecedora.

As 10 familias participantes aprenderon a facer vermicompostaxe en botes de cristal grazas aos coñecemento de Flor, a formadora do obradoiro e asesora de horta dalgúns dos centros da Rede.

A continuación compartiron, primeiro en grupos e logo en plenario, un resumo das actividades realizadas ata agora no seu grupo de familias voluntarias, así como un listado das tarefas que quedan por facer.

As actividades agrupáronse en tres ámbitos (apoio na horta, acompañamento ao alumnado e actividades complementarias fóra do centro).

Apoio na planificación de cultivos e no acondicionamento da horta e outros espazos (plantación de froitos vermellos, construcción/rehabilitación de hotel de bichos…), actividades de cociña ou a posta en marcha dunha mochila viaxeira sobre horta para as familias foron algunhas das actividades máis destacadas por parte dos grupos.

Logo, levouse cabo un debate sobre a organización dos grupos, centrado en dous elementos: cousas que destacar en positivo da organización do grupo que puidera servir para outros cursos e/ou outros centros, e cousas amelllorar da organización.

Por último creouse un espazo de reflexión sobre as actividades que se poderían facer ata final de curso e/ou para o ano que vén.

O espazo foi moi proveitoso, xa que se xenerou un intercambio rico entre as persoas dos diferentes centros sobre actividades que se poderían replicar e sobre estratexias de comunicación e organización co equipo docente.