
No segundo trimestre deste curso, os centros que participan na Rede a través do Plan Proxecta realizaron visitas a proxectos agroecolóxicos galegos. Estas saídas buscaban achegar ao alumnado a proxectos destacados de cultivo ecolóxico que poñan en valor o rural galego e amosen alternativas de emprego sustentables e innovadoras, deconstruíndo así os prexuízos respecto ao traballo agrícola que moitas veces se dan na sociedade.
Alumnado de 5º e 6º de Primaria do CEIP Nº1 de Tui e o CEIP Porto Cabeiro (Redondela) visitaron Verxel de Coiro, en Cangas. Trátase dun proxecto de produción hortícola que tamén ten aromáticas, flores e medicinais.
Ademais de ver o que había en produción nos invernadoiros e no exterior (leitugas, espárragos, espinacas, acelgas..) o alumnado puido probar distintas plantas e flores. Explicaron como organizan os cultivos, como regan, cultivan e como comercializan a través da venda directa ás consumidoras con cestas pechadas ou encargos a través da tenda online.
Tamén houbo tempo para poñerse mans á terra plantando leitugas, cebolas e patacas.
En Irixoa, alumnos/as de 2º e 4º da ESO do IES Ordes e o IES Monte Castelo (Burela) coñeceron Granxas de Lousada, un proxecto de agricultura e gandeiría. Así, ademais de cultivar a horta, crían e venden vacas de carne, porco celta, cabras, ovellas, ovos e polos, todo con certificación ecolóxica. Un modelo baseado na diversificación da produción e na venda directa, onde tratan de que a familia que lles merque, poida levar de todo.
Procuran traballar con sementes propias e adaptadas á zona e participan na rede galega de sementes.
Comercializan sobre todo nos mercados de A Coruña e Betanzos onde van varias veces por semana.
A horta tamén se basea na máxima diversificación a través de cultivo en invernadoiros e exterior. O alumnado puido ver na visita grelo/nabiza, pataca, berza, leituga, cebola, brécol,…
Na última visita, estudantes de 6º de Primaria do CEIP Anexa (Lugo) achegáronse a Labrecos, en Oza-Cesuras. Este proxecto adícase a produción de variedades autóctonas de hortalizas e froiteiras baixo os principios da permacultura e da agricultura rexenerativa. Tamén crían patos, ocas, galiñas, vacas, cabras e ovellas.
A visita comezou cunha explicación da circularidade do proxecto (emprego dos abonos animais para a horta, redución dos insumos externos, xeración do seu propio compost, alimentación dos animais con restos da horta, etc).
Na visita á horta afondouse na importancia da rexeneración do solo como elemento clave para ter uns cultivos sans e un solo rico en biodiversidade. O alumnado puido tamén coñecer as propiedades do llantén para as picaduras de insectos, e experimentar os efectos da compactación no solo.