
Co comezo de ano, retomamos o curso de “Horta Escolar Ecolóxica” 2024-2025 onde participan docentes de toda Galicia.
A finais de xaneiro tivo lugar a segunda sesión en liña. Julieta Alasino, da cooperativa Alalá, achegounos a unha ferramenta novidosa para traballar o vínculo entre a horta e o currículo. En primeiro lugar, abordou a importancia do enfoque ecosocial na educación, así como as oportunidade que ofrece a LOMLOE para empregar a horta como recurso para traballar as competencias e materias. Logo, o alumnado puido practicar o deseño dunha actividade educativa a través da metodoloxía “Situación de Aprendizaxe”.
Un mes máis tarde, en febreiro, tivo lugar a terceira sesión do curso, a primeira en formato presencial. Tratouse dunha xornada moi especial onde poñer en práctica e seguir afondando no traballo de deseño e planificación de cultivos.
Luz Eyo, do proxecto Hortalíza-Te e colaboradora da Rede, foi a formadora nesta ocasión. A xornada organizouse no IES Arzobispo Xelmírez I, que conta cunha horta ecolóxica dende hai máis de 25 anos!
Manuel Antonio, profesor de bioloxía do centro e responsable da horta, realizou unha visita guiada ao invernadoiro e os bancais exteriores.
Despois pasamos ás prácticas, centradas en dous elementos. Dunha banda, experimentamos co solo para analizar a súa composición e reflexionar sobre a súa importancia na agricultura e as enmendas que podemos aportarlle para equilibralo e nutrilo.
A continuación pasamos a facer plantacións. Primeiro fixemos unhas sementeiras no invernadoiro, experimentando con diferentes tipos de sementes. E despois xa pasamos ao espazo da horta propiamente dita, a facer sementeiras directas de flores, sementes e plántulas. Así, practicamos a asociación de cultivos enchendo os bancais desta horta.
E tras un gustoso café/infusión para quentar o corpo, fixemos un intercambio de sementes e vimos distintas estratexias para optimizar a horta (a nivel solo, orientación, tipo de plantas,…).
En definitiva, unha xornada completa onde ademais, puidemos coñecernos fisicamente e aproveitar para intercambiar experiencias e aproveitar o saber de todo o grupo.
En marzo terá lugar a seguinte sesión. Seguiremos informando!