Diagnóstico “As hortas escolares en Galicia”

Portada diagnostico hortas escolares

Dende Rede de Eco Hortas Escolares, estamos moi contentas de poder presentar o diagnósticoAs hortas escolares en Galicia.

Grazas á participación de 58 EEI e CEIPs e 8 IES de toda Galicia, que cubriron o formulario que elaboramos, podemos ter o primeiro estudo sobre implantación das hortas escolares na nosa comunidade.

Deste diagnóstico podemos extraer varias conclusións chave:

  • As hortas escolares están amplamente instauradas nos centros educativos galegos, e espalladas por todo o territorio, tanto en ámbitos rurais como en contornas urbanas. A horticultura escolar trátase polo tanto, dunha metodoloxía educativa con perspectivas de futuro e moitas posibilidades de ampliación no territorio galego.
  • As hortas escolares trabállanse en todos os niveis educativos (dende educación infantil ata ensino secundario), se ben a maioría das experiencias se centran en grupos de Infantil e Primaria, que acoden varias veces á semana á horta.
  • A inmensa maioría dos centros (aproximadamente un 88%) manifestan traballar nas aulas contidos e competencias curriculares. Para iso, empregan preferentemente materias como Ciencias Naturais e Sociais, Matemáticas e Linguas. Así pois, a horta, alén do seu valor como espazo educativo diferenciado, amosa ser unha ferramenta práctica e innovadora de integración curricular.
  • No relativo á Axenda 2030, aínda que o coñecemento dos ODS é mellorable (un 48,5% din coñecelos, fronte a un 51,5% que non os coñece), a maior parte dos centros amosa interese en contar con recursos educativos específicos para poder traballalos no seus centros (72,7%).
  • Existen dificultades ou barreiras claramente identificadas polos propios centros escolares que condicionan a sostibilidade e a mellora dos proxectos de horta. Destacan sobre todo 3: abandono da horta en época estival (64,70%), falta de tempo (58,82%) e falta de coñecemento agrícola (47,06%).

Para solventar estes problemas e aportar claves que contribúan ao fortalecemento das hortas escolares, no propio diagnóstico (que fixemos chegar a todos os centros participantes) incorporamos varias recomendacións de mellora. Non obstante, dende a Rede de Eco Hortas Escolares, queremos abordar estratexias e posibilidades de colaboración das administracións públicas: formación homologada para o persoal docente, apoio de monitores/as de horta nos centros, ou facilitación de recursos educativos son só algunhas das opcións que queremos explorar para poder dar resposta á demanda cada vez maior deste tipo de proxectos.

Agardamos que este diagnóstico sexa de interese para a comunidade educativa galega e todas as persoas e axentes interesadas en traballar neste eido educativo.