Formación para familias voluntarias: planificación da horta e compostaxe

Neste curso curso 21-22 a Rede de Eco Hortas Escolares segue mellorando e construíndo novos espazos. Ademais das propias actividades de horta dos centros participantes, este curso continuamos o traballo iniciado en torno á participación da comunidade educativa e, especialmente, das familias.

Así, temos en marcha un plan formativo para os 5 coles que contan na actualidade cun grupo de familias voluntarias na horta: EEI Monte da Guía, EEI Vilalaura, Gándara International School, CEIP Sobreira-Valadares e CEIP Seixalbo. Trátase dunha proposta de 3 talleres prácticos (un por trimestre) sobre as seguintes temáticas: planificación da horta, compostaxe escolar e creación de bancos de sementes.

No primeiro trimestre os/as monitores/as de horta que colaboran nos coles impartiron un taller de planificación da horta, onde as familias adquiriron coñecementos sobre os principais elementos a ter en conta á hora de elexir os cultivos: o espazo e a orientación da horta, o solo, o tempo ou as rotacións e asociacións das diferentes familias de plantas.

Os talleres resultaron moi satisfactorios e axudaron a fortalecer e xenerar vínculos grupais entre as familias voluntarias nun momento crucial (o inicio do curso), para a organización das tarefas necesarias para desenvolver a horta escolar.

 

Neste segundo trimestre que acaba de dar comezo, continuaremos as formacións co taller de compostaxe orgánica na escola. Unha proposta que pretende poñer en funcionamento os composteiros nestas escolas e achegar ás familias os aspectos clave a ter en conta para obter un bo compost. Deste xeito, os centros poderán pechar o ciclo da materia orgánica e obter abono de moi boa calidade para as súas hortas. Todo elo contando coa participación do alumnado, que poderá contribuir ao proxecto aportando os restos das súas merendas, ou de residuos orgánicos das súas casas.